- As transferencias de crédito implican unha alteración na distribución dos créditos de gasto sen que iso supoña incrementar ou minorar a contía do orzamento da Universidade.
Poderanse realizar entre os diferentes créditos iniciais previstos no orzamento ou mediante a constitución de novos créditos.
- Correspóndelle ao reitor ou reitora a autorización das transferencias de crédito, salvo as que se produzan de operacións correntes a operacións de capital ou á inversa, que serán competencia do Consello Social por proposta do Consello de Goberno.
De maneira singular, habilítase o reitor ou reitora para autorizar as transferencias de crédito seguintes:
a) Modificacións orzamentarias necesarias para as operacións que se deban producir con motivo do peche do exercicio orzamentario.
b) Transferencias ao capítulo I para cofinanciar custos de Seguridade Social como consecuencia da prestación de servizos, ou para o financiamento de custos de persoal con crédito afectado.
c) As transferencias de crédito entre operacións correntes e de capital por causas derivadas do cumprimento de normas de carácter xeral.
d) As transferencias realizadas dentro do mesmo programa de clasificación funcional, agás as que se refiran a programas de funcionamento xeral e programas de investimentos.
Darase conta ao Consello de Goberno e ao Consello Social das operacións realizadas en virtude da habilitación anterior.