-
De acordo coas liñas xerais do orzamento, e conforme o contido previsto no artigo 172 dos estatutos, o xerente ou a xerenta conformará o proxecto de orzamento.
-
Mediante unha instrución da Xerencia determinarase o calendario a que se deberán axustar a elaboración e aprobación dos orzamentos.
-
O proxecto de orzamentos recollerá os estados numéricos tanto de ingresos coma de gastos agregados segundo a súa clasificación económica, as previsións normativas incluídas nas bases de execución, así como os anexos referidos ás materias seguintes:
a) Clasificación orgánica por unidades de gasto.
b) Orzamentos, tanto de ingresos como de gastos, desagregados por partidas.
c) Créditos asignados aos centros, departamentos e demais unidades de gasto, para o seu funcionamento ordinario.
d) Porcentaxe de ingresos destinados ao financiamento dos custos indirectos.
f) Cadros de persoal e relacións de postos de traballo para o persoal docente e investigador (PDI) e o persoal de administración e servizos (PAS).
-
Sempre que as circunstancias o permitan, antes do 30 de novembro de cada ano o proxecto de orzamento deberá ser presentado polo reitor ou reitora, perante o Consello de Goberno, para o seu debate, emenda e posterior aprobación con anterioridade ao inicio do ano.
-
En canto ás emendas que se presenten ao proxecto de orzamento estarase ao disposto no presente regulamento para as emendas formuladas ás liñas xerais sen prexuízo das particularidades derivadas do funcionamento do Consello de Goberno e de acordo co disposto no seu regulamento de réxime interno. As emendas que se presenten deberán respectar, en todo caso, o contido das liñas xerais aprobadas polo Claustro Universitario que serviron de base para a elaboración do proxecto de orzamento.
Acordo do Consello Social do 28 de xullo de 2022, polo que se ratifica a modificación do Regulamento de xestión orzamentaria da Universidade de Santiago de Compostela.