-
A conta xeral da Universidade está conformada polos documentos e estados previstos estatutariamente, que forman unha unidade e deben redactarse con claridade para mostrar a imaxe fiel do patrimonio, da situación financeira, do resultado económico e patrimonial e da execución do orzamento da USC, de conformidade coa normativa orzamentaria aplicable e co Plan xeral de contabilidade pública.
-
Forman parte da conta xeral da USC os seguintes documentos e informes:
a) A liquidación definitiva do orzamento, a conta de resultados, o balance de situación, o estado de fluxos de efectivo, os informes sobre a valoración e a evolución do inventario de bens mobles e inmobles, os resultados sobre a xestión da contratación administrativa e a memoria relativa ás contas anuais, todo o anterior de acordo coas previsións estatutarias e respectando o contido e os formatos previstos no Plan xeral de contabilidade pública.
b) O informe sobre a xestión dos recursos económicos, que terá como obxectivo poñer en coñecemento da comunidade universitaria e da sociedade aqueles aspectos e datos máis relevantes da xestión orzamentaria e financeira.
c) O informe de contabilidade analítica relativo ao custo das actividades desenvolvidas e aos indicadores de xestión relacionados coa prestación dos servizos, que se axustará aos criterios establecidos para as universidades públicas nesta materia.
- Xunto coa conta xeral darase información, igualmente, das contas anuais daquelas entidades vinculadas ou dependentes da USC con orzamento estimativo, como é o caso dos consorcios, sociedades mercantís ou fundacións, segundo o disposto no plan de contabilidade que lles sexa de aplicación.