-
Os dereitos liquidados e as obrigacións recoñecidas aplicaranse aos orzamentos polo seu importe íntegro e non se poderán atender obrigacións mediante a minoración dos dereitos que se vaian liquidar, ou xa ingresados, salvo que unha lei así o autorice de modo expreso.
-
Os ingresos da USC destinaranse a satisfacer o conxunto das súas obrigacións salvo que, por precepto estatutario ou pola natureza do ingreso, proceda a súa afectación a fins determinados. Para estes efectos, a estrutura contable permitirá a debida diferenciación entre gastos e ingresos de carácter afectado.
-
Os créditos consignados nos estados de gastos destinaranse exclusivamente ao servizo ou finalidades específicas para os que foron autorizados polo importe máximo dispoñible que se reflicta no orzamento, sen prexuízo das vinculacións descritas neste regulamento e das modificacións orzamentarias que se poidan acordar consonte a normativa orzamentaria en vigor.
-
A xestión orzamentaria dirixirase ao cumprimento da eficacia na consecución dos obxectivos fixados e da eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.
-
O exercicio das competencias en materia de xestión e execución orzamentarias realízase de acordo co principio de responsabilidade, o que comporta a asunción, polos responsables dos actos económicos, das decisións que se adopten cara á consecución dos obxectivos fixados, promovendo un uso eficiente dos recursos públicos e prestando un servizo de calidade ao conxunto da comunidade universitaria.
Todo o persoal ao servizo da USC que por acción ou omisión cause danos e perdas derivados da xestión económico-financeira mediando dolo, culpa ou neglixencia grave incorrerá nas responsabilidades administrativas, disciplinarias, civís ou penais que, en cada caso, proceda exixir.