- A xestión económico-financeira dos créditos incluídos no orzamento de gastos estrutúrase de acordo coas seguintes fases:
a) Aprobación do gasto.
b) Compromiso ou disposición do gasto.
c) Recoñecemento da obrigación.
d) Ordenación do pagamento.
e) Pagamento material.
- A aprobación é o acto mediante o cal se autoriza a realización dun gasto por unha contía certa ou aproximada, para o cal se reservará a totalidade ou unha parte do crédito orzamentario legalmente destinado a garantir o cumprimento das obrigacións que poidan ser consecuencia daquel. A aprobación inicia o procedemento de execución do gasto sen que implique relacións con terceiros alleos á USC.
Para a realización desta fase será necesario, previamente, dar comezo ao expediente administrativo mediante a proposta de gasto efectuada polo órgano competente.
-
O compromiso é o acto en virtude do cal se acorda, tras o cumprimento dos trámites legalmente establecidos, a realización de gastos previamente aprobados por un importe determinado ou determinable. O compromiso supón un acto con relevancia xurídica cara a terceiros e vincula a Universidade para a realización do gasto na contía e nas condicións establecidas.
-
O recoñecemento da obrigación é o acto polo cal se declara a existencia dun crédito exixible contra a Universidade, derivado dun gasto aprobado e comprometido e que comporta a proposta de pagamento correspondente. O recoñecemento producirase previa acreditación documental, ante o órgano competente, da realización da prestación ou o dereito do acredor.
-
A ordenación do pagamento é o acto polo cal se dispón a liquidación das obrigacións recoñecidas, logo de comprobación de que o acredor da USC cumpre todas as condicións exixibles para todos os efectos.
-
A execución do pagamento é o acto polo cal se produce a saída material de fondos da tesouraría da Universidade, dando lugar á cancelación da débeda fronte a terceiros. Salvo indicación en contrario, os pagamentos realizaranse mediante transferencia bancaria.
-
Cando a natureza da operación ou gasto así o determinen, poderanse acumular nun só acto distintas fases de execución do gasto.