-
A actividade económico-financeira da USC desenvolverase segundo as liñas xerais do orzamento aprobadas anualmente, de acordo coas previsións contidas na programación plurianual ou coa súa actualización.
-
O contido das liñas xerais do orzamento virá determinado polos obxectivos institucionais da Universidade relacionados coa actividade económico-financeira no seu conxunto e pola situación e análise dos ingresos e gastos derivados dela.
Coa finalidade de establecer o obxecto e alcance dos orzamentos, as liñas xerais reflectirán:
a) O estado de cumprimento dos obxectivos programados nos orzamentos en curso.
b) As principais magnitudes do escenario económico xeral e dos condicionantes externos e internos que afecten á xestión administrativa e orzamentaria da Universidade. En canto aos condicionantes internos, as liñas farán mención, no seu caso, aos compromisos adquiridos e ás actuacións xa iniciadas en exercicios anteriores.
c) As accións estratéxicas e instrumentais para o novo exercicio, que definirán os obxectivos principais a alcanzar, as necesidades a atender e as políticas, do goberno e da institución, a executar. Estas accións poderán traducirse en proxectos, plans, programas ou actuacións concretas.
d) A vinculación das liñas estratéxicas e instrumentais coa programación plurianual ou coa súa actualización.
e) Un resumo xeral da previsión dos estados de ingresos e de gastos dos orzamentos a nivel de capítulo, segundo a súa clasificación económica en termos numéricos, reflectindo unha previsión de uns e outros o mais axustada á realidade.
f) Unha comparativa das previsións de ingresos e gastos dos novos orzamentos en termos numéricos a nivel de capítulo respecto, cando menos, do exercicio inmediato anterior. Na mesma reflectiranse os incrementos ou diminucións en termos porcentuais.
g) As principais novidades que incorporan con indicación dos ingresos e gastos máis salientables a nivel de capítulo.
h) Calquera outra cuestión que poida resultar determinante para a elaboración dos orzamentos ou veña imposta pola normativa aplicable.
- As liñas xerais do orzamento serán elaboradas pola Xerencia e presentadas polo reitor ou reitora perante o Claustro para a súa aprobación.
Poderán presentarse propostas de emenda ás liñas xerais do orzamento perante o Claustro Universitario.
A Mesa do Claustro fixará no acordo da convocatoria da sesión correspondente a forma de presentación das emendas, o prazo para a súa formulación e o número mínimo de asinantes. Corresponde tamén á Mesa decidir sobre a admisión, ordenación, distribución, procedemento de defensa das emendas admitidas e a súa remisión aos/ás claustrais con carácter previo á celebración da sesión.
As emendas ás liñas xerais poderán ser á totalidade ou parciais, debendo en todo caso ir acompañadas da correspondente motivación.
Serán emendas á totalidade as que versen sobre a oportunidade, principios ou espírito das liñas xerais e postulen a súa devolución, ou as que propoñan un texto completo alternativo.As emendas parciais poderán ser de aclaración, supresión, modificación ou engadido. Nos dous últimos casos, a emenda deberá conter o texto completo que se propoña.
No suposto de que as emendas presentadas supoñan un incremento substancial do gasto nalgún dos capítulos orzamentarios, deberán acompañarse da correspondente minoración co fin de garantir o cumprimento dos principios de estabilidade orzamentaria e de sustentabilidade financeira.
En canto ao desenvolvemento do debate e votación das emendas estarase ao disposto pola Mesa do Claustro e ao seu regulamento de réxime interno.
- O acordo do Claustro polo que se aproben as liñas xerais vinculará aos restantes órganos da Universidade no exercicio das súas competencias.
Acordo do Consello Social do 28 de xullo de 2022, polo que se ratifica a modificación do Regulamento de xestión orzamentaria da Universidade de Santiago de Compostela.