O compromiso da Universidade de Vigo co desenvolvemento e coa implantación de políticas, procedementos e criterios de calidade foise consolidando ao longo dos anos, tanto no relativo á actividade docente e á calidade do ensino como á xestión universitaria e á prestación de servizos ás persoas usuarias, mediante a incorporación de novos elementos como os sistemas de garantía de calidade dos títulos oficiais e as cartas de servizo, derivado da aplicación de normativa e directrices universitarias específicas. Son precisas neste ámbito ferramentas que, máis alá das enquisas de satisfacción, canalicen a opinión e recaden as ideas dos membros da comunidade universitaria ou de calquera outra persoa usuaria sobre os servizos que presta a universidade. Con este enfoque creouse o sistema de queixas, suxestións e parabéns, xestionado pola Unidade de Análises e Programas, de carácter transversal e que abrangue toda a universidade. Como consecuencia da variada casuística que engloba o sistema, cómpre establecer unha normativa que lles dea un trato homoxéneo ás queixas, suxestións e parabéns, co fin de utilizar un procedemento único, regulamentado e difundido, que lles permita ás persoas usuarias saber onde e como presentalas, dispoñer dunha plataforma informática específica para facelo, coñecer o trámite que seguirá e o prazo establecido para a súa resposta. Para a Universidade de Vigo, a análise da información do sistema de queixas, suxestións e parabéns constituirá unha ferramenta indispensable para establecer un sistema de mellora continua. O sistema de queixas, suxestións e parabéns enmárcase, en primeiro lugar, no Regulamento xeral de protección de datos UE 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e garantía dos dereitos dixitais. Por outra parte, o Real decreto 951/2009, do 29 de xullo, polo que se establece o marco xeral para a mellora da calidade na Administración xeral do Estado, recolle entre os programas que integran o citado marco o relativo a queixas e a suxestións, ofrecendo unha referencia moi valiosa para articular o noso propio sistema (artigos do 14 ao 19). Tamén de carácter estatal, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público establecen para todas as administracións públicas a presenza nas súas sedes electrónicas, con carácter de servizo obrigatorio, dos medios dispoñibles para formular suxestións e queixas, o que supón facilitarlle á cidadanía a súa formulación sen desprazamentos nin custos, en calquera data e hora.
Xa no ámbito autonómico, resultan de aplicación a Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, na cal se establece como un dos mecanismos de atención á cidadanía a presentación de queixas e suxestións (artigos do 14 ao 16); a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; e o Decreto 129/2016, do 15 de setembro, polo que se regula a atención á cidadanía no sector público autonómico de Galicia, e que trata no capítulo IV a análise das suxestións e das queixas como un material de estudo imprescindible para definir as prioridades e para orientar a política de mellora dos servizos públicos. Na esfera universitaria, pór en funcionamento un sistema de control e de garantía da calidade cobra especial relevancia logo da publicación da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de ordenación do ensino universitario, que no seu artigo 31 sinala a promoción e a garantía da calidade como finalidade esencial da política universitaria. Á súa vez, o Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, de ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, e demais reais decretos que o modifican, establece explicitamente que as universidades, os seus centros e titulacións deben contar con sistemas de garantía da calidade nos que se integre o procedemento de atención ás suxestións e ás queixas. Outras normas que lle dan soporte legal ao establecido neste regulamento son a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, que recollen como deber do empregado/a público garantir a atención á cidadanía na lingua oficial da comunidade autónoma de Galicia que soliciten. En canto ás normas propias da Universidade de Vigo, cómpre referirse ao Regulamento do uso da lingua galega, aprobado no consello de goberno do 2 de marzo de 2015, ao Manual de linguaxe inclusiva no ámbito universitario, elaborado pola Unidade de Igualdade no ano 2012, e ao Regulamento de transparencia e acceso á información pública, aprobado no consello de goberno do 9 de outubro de 2017.
📌 Lo esencial para el examen
-
O sistema de QSP está xestionado pola Unidade de Análises e Programas e abrangue toda a universidade.
-
Marco europeo e estatal: Regulamento xeral de protección de datos UE 2016/679 e Lei orgánica 3/2018.
-
O Real decreto 951/2009 fixa o marco xeral para a mellora da calidade na Administración xeral do Estado (artigos do 14 ao 19).
-
A Lei 39/2015 e a Lei 40/2015 obrigan a ofrecer nas sedes electrónicas os medios para formular suxestións e queixas.
-
Galicia: a Lei 1/2015 establece a presentación de queixas e suxestións como mecanismo de atención á cidadanía (artigos do 14 ao 16).
-
Tamén se citan a Lei 1/2016 (transparencia), o Decreto 129/2016 (atención á cidadanía) e a Lei orgánica 6/2001 (artigo 31: calidade).